O exceso de presión na traída provoca fugas e recibos de auga desorbitados en Angoares e Fontenla

O exceso de presión na traída provoca fugas e recibos de auga desorbitados en Angoares e Fontenla

tubaxe subterraneaEn moitas zonas de Angoares e Fontenla a presión de auga na traída municipal é moi superior á habitual para o consumo doméstico e para a presión que poden soportar as tubaxes das vivendas. Este exceso de presión ten provocado roturas nas tubaxes, fugas soterradas de auga e danos en lavadoras e lavalouzas. O BNG tivo coñecemento desta situación polas queixas dalgúns veciños ao recibir facturas desproporcionadas de Viaqua (antes Aquagest), empresa que xestiona a auga en Ponteareas,  por consumos de auga que non realizaron.

O BNG solicita que a empresa da auga –Viaqua- asuma as facturas desmesuaradas, os danos provocados a instale válvulas redutoras de presión

bngponteareasOs nacionalistas instan ao goberno local do PP a esixir de Viaqua unha revisión das facturas emitidas no último ano, a cargo dos veciños de Angoares e Fontenla con consumos superiores a media do ano anterior, para detectar os importes cobrados en exceso como consecuencia das roturas pola presión e non polo consumo doméstico. O BNG confirmou a existencia de facturas que multiplican ata por cinco as anteriores como consecuencia destas roturas, facturas trimestrais que pasaron de 60 a 300 euros. O Bloque solicita a anulación, por parte de Viaqua, dos cargos realizados por facturas desproporcionadas así como a asunción dos danos provocados polo exceso de presión.

O Bloque tamén solicita a instalación de válvulas redutoras de presión a cargo de Viaqua. A empresa é a responsable de que o subministro de auga se preste nas condicións esixidas para as instalacións de consumo doméstico. Só así se evitarán futuras avarías e o cobro da auga das fugas. Esta situación xa ten obrigado a algúns veciños a facerse cargo de instalar limitadores de presión na tubaxe de entrada a súa vivenda cando a rotura das tubaxes é consecuencia do aumento de presión no servizo municipal de augas.