O BNG levará ao Parlamento iniciativas coas demandas do sector forestal afectado polo nematodo

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, realizou unha visita institucional ao concello de Ponteareas, onde mantivo unha reunión co sector forestal-madeireiro, acompañado dos membros dos goberno local que preside Xosé Represas e da deputada do BNG no Parlamento Galego Carme Adán.
Vence valorou a experiencia do goberno municipal, que está dando transparencia e vigor ao concello, demostrando capacidade e iniciativas para resolver os problemas da veciñanza.
O Portavoz Nacional do BNG fixo referencia á capacidade do goberno que lidera Represas para sacar adiante os orzamentos municipais, os primeiros desde 2010, o que da idea da situación de parálise en que o PP tiña sumido ao concello, alegou Vence, quen tamén salientou o feito de que a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal encara a súa recta final tras apenas catro meses de goberno, unha tarefa longamente desexa polos veciños e veciñas, indicou.
O BNG está sentando as bases dunha da dinamización institucional, social e económica da comarca
Estamos vendo como se nota o impulso na vida municipal que trouxo a chegada do BNG ao goberno local, a apertura e o diálogo coa cidadanía e cos sectores produtivos, puxo en valor o portavoz nacional. Temos claro que o BNG está sentando as bases dunha dinamización institucional, social, e económica da comarca a través dos concellos de Ponteareas e As Neves, recalcou.
Tras a reunión cunha nutrida representación de todos os axentes da cadea forestal e madeireira da comarca, Vence anunciou que o Bloque presentará unha batería de iniciativas parlamentarias recollendo os problemas expresados polo sector, agravados como consecuencia da falta dunha política forestal e industrial acaida por parte da Xunta, que empezan mesmo polas trabas administrativas.
A praga do nematodo é un problema moi mal xestionado pola Xunta e que está arrastrando ao sector forestal
Un dos temas máis específicos é a praga do nematodo que afecta ao piñeiro, o que converte á comarca nunha zona de exclusión que impide a comercialización desta especie. Un problema moi mal xestionado pola Xunta e que está arrastrando ao sector forestal e a industria transformadora, polo que son necesarias medidas rápidas para solucionalo, alegou Vence.
Igualmente, o BNG coincide co sector na necesidade de poñer en valor os montes en man común porque son unha gran riqueza para a comarca de Ponteareas que está desaproveitada pola falta dunha estratexia forestal do Goberno de Feijóo, denunciou.
A nivel local, o alcalde quedou comprometido a manter un novo encontro con todos os eslavóns do sector para poñer en marcha unha estratexia de visualización dos seus problemas. Reunión cos alcaldes, coa propiedade e coa industria transformadora que pedía camiñar todos xuntos, propietarios, industria e transformación.