O BNG e Galiza Nova inician unha campaña para a recuperación medioambiental do río Tea

O BNG e Galiza Nova inician unha campaña para a recuperación medioambiental do río Tea

campaña_TeaO BNG de O Condado e a súa organización xuvenil, Galiza Nova, deron a coñecer este luns, nunha comparecencia para os medios na Ponte de Cernadela en Mondariz, a intensa campaña para a recuperación medioambiental do río Tea que desenvolverán as dúas organizacións nacionalistas nos concellos de O Covelo, Mondariz, Mondariz-Balneario, Ponteareas e Salvaterra  de Miño. Os nacionalistas convocarán reunións informativas nas parroquias polas que transcorre o Tea e presentarán distintas iniciativas institucionais; nos Concellos, no Parlamento Galego, no Congreso dos Deputados e no Parlamento Europeo.

Galiza Nova e o Bloque darán a coñecer a situación do Tea; os seus valores medioambientais -polos que está cualificado pola Unión Europea como LIC (Lugar de Interese Comunitario)-, a contaminación crónica que sofre o río polas augas residuais ou as consecuencias do recente vertido de sosa cáustica, asi como a necesidade de concienciar a toda a poboación para esixir dos Concellos e da Xunta de Galiza unha solución urxente para a recuperación do río, tanto dos seus valores naturais como culturais.

campaña_Tea_2O BNG responsabiliza da situación actual do Tea ao Partido Popular e ao seus aos alcaldes que levan décadas gobernando nos concellos de O Covelo, Mondariz, Mondariz-Balneario, Ponteareas e Salvaterra de Miño e foron incapaces de solucionar esta prioridade. “Non se entende como despois de xustificar que gastaron decenas de millóns de euros en obras de saneamento, máis da metade da poboación da comarca non conta con sistema de depuración das augas residuais e o Tea sigue contaminado con varias praias nas que o baño está prohibido” manifestaron os portavoces do BNG.

Os portavoces municipais do Bloque, dos concellos polos que transcorre o Tea, tamén se referiron a importancia da calidade da auga do Tea para a vida diaria de milleiros de veciños que teñen auga corrente captada no río.

0_organizacion-xuvenil-do-bngNa campaña, na que terán unha participación destacada os responsábeis de Galiza Nova na comarca, Santi Domínguez, Mauro Chivite e Miguel Bouzó, analizaranse os sistemas de saneamento empregados; as depuradoras, as minidepuradoras e decantadoras, o seu funcionamento e a súa ubicación, etc. así como as consecuencias, económicas e para o medio natural, que provocan as graves carencias de saneamento de augas residuais que ten toda a comarca.

As mocidades do BNG lembraron o traballo de concienciación realizado hai máis de 20 anos pola xente nova ligada tamén ao nacionalismo e ao ecoloxismo. Santi Domínguez, Responsábel Comarcal de Galiza Nova, adiantou que convidarán a participar ás persoas que estaban daquela ao frente da movilización social.