O BNG critica as bases para contratar persoal por non primar criterios sociais e falla de ingresos

O BNG critica as bases para contratar persoal por non primar criterios sociais e falla de ingresos

bngponteareasO BNG de Ponteareas cualificou de “inhumano” ao Partido Popular por non primar os criterios sociais, a falla de ingresos e a carencia de experiencia laboral, nas bases do Plan provincial de emprego aprobadas este martes polo Alcalde, Salvador Glez. Solla, para contratar a 20 persoas durante 6 meses cunha xornada de 25 horas semanais.

O BNG publica na súa páxina web a oferta de emprego que o PP non difunde na web municipal

páxinaOs nacionalistas critican, ademais, a falta de transparencia e de información pública, na prensa e na web municipal, dos detalles da oferta con antelación para que todos os veciños e veciñas interesados nestas prazas puideran inscribirse no Servizo Público de Emprego cos códigos que o Concello agora demanda. O goberno do PP, o Alcalde e a concelleira de emprego, Marisol Valado, unicamente cumpriron o formalismo de por hoxe no taboleiro de anuncios o decreto para contratar a 7 peóns de construción de edificios, código 96021013, 7 traballadores de conservación de parques urbanos, código 612010039 e 6 traballadores agropecuarios, código 6301011. Ante esta falta de información, o BNG publica na súa páxina web a oferta de emprego que o PP non difunde na web municipal.

O goberno local do PP non valora as responsabilidades familiares das persoas en paro e favorece a discrecionalidade para contratar aos de sempre

As bases de contratación non puntúan a falla de ingresos, nin as responsabilidades familiares, nin as dificultades para adquirir experiencia laboral, todo o contrario; O PP premia coa máxima puntuación nas súas bases, 3 puntos sobre un total de 10, a experiencia laboral previa na Administración pública para contratar aos de sempre antes que aos parados con dificultades para acceder ao mercado laboral. A discrecionalidade da selección vese agravada con outros 2 puntos dunha entrevista sen ningún criterio de valoración. Para os nacionalistas, “é evidente que o PP fai estas bases como sempre, a medida, para contratar a alguén en concreto, utilizando incluso contratos -raquíticos- de 400 euros ao mes para manter o seu tinglado no concello”

Represas, en sala de prensaO BNG obriga a Concelleira de emprego a comparecer no Pleno para dar conta destes procesos de selección e para que explique os motivos polos que impide que as persoas nunha situación máis precaria non teñen oportunidade de acceder a algunha das 20 prazas de peóns convocadas. “Solla e Valado volven a ir en contra dos parados e das persoas con menos recursos, impedindo que poidan ter a oportunidade de mellorar a súa futura inserción no mercado do traballo” manifestou o portavoz do BNG, Xosé Represas.

Os nacionalistas lembran a corresponsabilidade de ACIP e PSOE nesta situación por negarse, por intereses persoais e partidistas, a retirar a Solla e PP do goberno local. Os concelleiros do PSOE e de ACIP non están lexitimados para criticar ao PP e Solla de caciqueo ou por non cumprir acordos do Pleno.

BASES PARA A CONTRATACIÓN DE 20 PERSOAS NO CONCELLO DE PONTEAREAS