O BNG convoca en Ponteareas un encontro aberto do “Proceso Adiante”

O BNG convoca en Ponteareas un encontro aberto do “Proceso Adiante”

cartaz adiantePonteareas acolle este xoves 28 un encontro aberto enmarcado no “Proceso Adiante”, que o BNG impulsa co obxectivo de actualizar, reforzar e relanzar o proxecto nacionalista mediante un proceso de debate aberto. Este encontro terá lugar ás 20:30 horas na sede do BNG en Ponteareas, situada na rúa dos Mestres.

Participará unha delegación da Executiva Nacional do BNG

Con este debate aberto pretendemos realizar unha reflexión transversal sobre a necesidade de forzas políticas propias como alternativa política para este país. Na xuntanza, na que participará unha delegación da Executiva Nacional do BNG, faremos unha radiografía da Galiza de hoxe para actualizar as principais análises e diagnoses sobre a situación económica, política, social, lingüística ou cultural.

É un proceso de abaixo para arriba, transparente, aberto e novidoso no escenario político galego

Así mesmo, o BNG iniciou este proceso ao longo de todo o país coa intención de recoller propostas sobre melloras na estratexia política do nacionalismo galego e revisar cales deben ser as principais ideas a comunicar e como facelo. Todas as cuestións referentes a este proceso, como actas ou documentos, poden consultarse na páxina web www.adiante.gal, na que tamén se recollerán as principais conclusións de cada unha das fases do proceso.

Unha vez máis é o Bloque Nacionalista Galego quen aposta decididamente pola democracia participativa e aberta, de abaixo para arriba, facendo bandeira do asemblearismo que forma parte da militancia nacionalista, mediante un proceso transparente e novidoso no escenario político galego.