Ana Pontón e Luís Bará piden en Ponteareas o voto da xente que lle quere a este país

Ana Pontón e Luís Bará piden en Ponteareas o voto da xente que lle quere a este país

O candidato do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, e a candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, estiveron este domingo en Ponteareas, onde se celebrou un acto político do BNG.

Na Praza Maior, actualmente foco de controversia pola regulación do tráfico aplicada polo goberno local, o candidato pola provincia de Pontevedra fixo unha encendida defensa do comercio local e da importancia de crear espazos de disfrute para os veciños e veciñas mediante medidas de peonalización. Asegurou que a pesares de reticencias iniciais moitos comerciantes recoñecen as bondades dos espazos peonís: “Así ocorreu en Pontevedra e en todos os sitios onde se aplican estas medidas. Os propios comerciantes acaban vendo os seus aspectos positivos e a súa repercusión económica positiva no negocio e pedindo máis espazos só para os peóns”, finalizou.

Durante o evento en Ponteareas un grupo de membros da formación nacionalista explicaron dez motivos básicos para votar BNG o vindeiro 25-S. Bará destacou a necesidade de apoiar o financiamento das empresas e os emprendedores, da creación dunha banca pública galega que garanta a xestión do aforro dos galegos e galegas e o crédito a familias e empresas.

Estamos nun momento de auténtica remontada

O cabeza de lista por Pontevedra aproveitou tamén para louvar á candidata do BNG á Xunta de Galiza, Ana Pontón, de quen dixo “ten valía, brillantez, capacidade e talento, ademais de facer as cousas por amor ao seu pobo”. “Hai xente que lle quere a este país, e a eses eu pediríalles o voto para o BNG, porque cada vez  estase a ver máis simpatía a Ana Pontón, máis simpatía ao BNG, porque estamos nun momento de auténtica remontada”, dixo.

Pola súa banda, Pontón subliñou a aposta do BNG por impulsar un plan industrial que identifique e apoie sectores estratéxicos e combata a deslocalización das actividades auxiliares da industria galega, como a automoción ou o téxtil.

A candidata á Presidencia da Xunta salientou que nestas eleccións galegas está en xogo o futuro do noso país. “Durante estes anos houbo moitas persoas que o pasaron realmente mal e que aínda o pasan mal por culpa das políticas de Feijoo. Todas esas persoas teñen a necesidade de que fagamos algo diferente, e está nas nosas mans construír un futuro mellor na Galiza que queremos”. Pontón destacou que non chega con un cambio de caras para cambiar as cousas, senón que é preciso un cambio de políticas: “Temos que confiar nas nosas propias forzas, tendo a rebeldía de decidir por nós. Temos alternativas, o 25 de setembro podemos facelo realidade co voto ao BNG para abrir un tempo novo”, concluíu a candidata.